Os senadores do Partido Socialista por Pontevedra, Marica Adrio e Modesto Pose aseguraron que a aprobación do Congreso aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) "é unha magnífica nova para Galicia e para a provincia".
Nunha rolda de prensa celebrada este venres sinalaron que os PGE prevén un investimento de 236,54 millóns de euros para a provincia de Pontevedra, elevando o investimento medio aos 412,5 euros por habitante. Con todo, os senadores destacaron o gasto social (6 de cada 10 euros) como o primeiro impacto na provincia.
Os 39,5 millóns de euros que o Goberno transferirá á Xunta para as obras do hospital Montecelo, con cargo ao Fondo de Compensación Interterritorial e o Fondo Complementario foron especialmente destacados.
Tamén citaron que as obras do nó de Bombeiros (2,2 millóns) "arrancarán finalmente cun Goberno socialista despois de que Ana Pastor prometera a súa execución en 2015".
Aseguraron que as obras da autovía A-57 "avanzarán significativamente" (23,7 millóns de euros) despois de corrixir os "graves defectos do proxecto orixinal", que "obrigou a facer importantes correccións no proxecto elaborado polo anterior Executivo".
Tamén dixeron que estes PGE "farán realidade" o paseo marítimo entre Pontevedra e Marín (1,7 millóns de euros) e o cuartel da Garda Civil de Arousa en Cambados (3,6 millóns de euros) e darán un "impulso definitivo" á depuradora de Poio-Sanxenxo (3,4 millóns de euros) para "avanzar no saneamento da ría de Pontevedra".
Modesto Pose e Marica Adrio concluíron que "o de Pedro Sánchez é o Goberno das realidades con Galicia" e subliñaron que foi este Executivo o que completou as obras do AVE "paralizadas estrepitosamente" durante o período de Ana Pastor á fronte do Ministerio de Fomento e tamén foi "o que aprobou a rebaixa das peaxes na AP-9".
Pose e Adrio lembraron que estes Orzamentos "so tiveron os votos en contra da dereita e do BNG" a este respecto afirmaron que "o do PP agardabámolo porque se opoñen a todo, pero non o do BNG, que quedou illado coa dereita, incapaz de sumar coas forzas de progreso", concluíu Pose.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.