As protectoras de animais de Os Palleiros, Adopcións Galicia e Difusión Felina protagonizaron este sábado unha xornada destinada a explicar aos pontevedreses a necesidade de reducir o número de abandono de mascotas e fomentar a adopción de animais.
Por ese motivo instalouse unha carpa informativa na Praza de Ourense durante todo o día, na que explicaron aos que por alí se achegaron o seu traballo diario en busca tamén de aumentar a colaboración da cidadanía.
Segundo explicou o concelleiro Miguel Filgueira a pé de carpa, "o número de abandonos é bastante estable pero afortunadamente as adopción están a subir".
No caso de Pontevedra só Os Palleiros rexistrou máis de 300 adopcións o pasado ano, ao que hai que sumar o rexistro de Adopcións Galicia e o "fantástico traballo" de Difusión Felina.
No caso dos gatos "o problema parece silenciado, está oculto pero está", recoñeceu Filgueira ao explicar a campaña de recollida e control destes animais que se está a levar a cabo en diferentes zonas cidade e que vai concluír "con 200 gatos esterilizados en dous anos".
Ademais de encontrarlle un fogar aos animais que recollen, a xornada tamén buscaba "que a xente saiba que pode colaborar doutras formas" coas asociacións.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.