Os parques eólicos mariños ou a conservación de especies serán obxecto de debate en Pontevedra

Pontevedra
15 de novembro 2023

As Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, promovidas pola Delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural, terán lugar o sábado 25 e o domingo 26 de novembro

Juan Picos, Saleta González e José Rodrigo Dapena na presentación das Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade
Juan Picos, Saleta González e José Rodrigo Dapena na presentación das Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade / DUVI

As Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade retornan neste mes de novembro á Escola de Enxeñaría Forestal. Promovidas pola Delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) terán lugar o sábado 25 e o domingo 26 de novembro.

A sexta edición deste evento reúne no seu programa un conxunto de coloquios que permitirán afondar "en problemáticas ambientais moi actuais", como salienta Saleta González, vogal da sección de botánica desta sociedade.

Entre outras cuestións, as xornadas porán o foco nos efectos dos parques eólicos mariños, na conservación de especies vulnerables ou protexidas, no impacto dos gatos na biodiversidade de determinadas zonas e na adaptación das masas forestais aos efectos do cambio climático.

A programación das xornadas foi presentada este martes na Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra polo director do centro, Juan Picos, o secretario xeral da SGHN, José Rodrigo Dapena, e por Saleta González

Juan Picos destacou que a SGHN é "unha entidade de referencia" que cumpre 50 anos neste 2023, así como o nivel dos relatores e relatoras, entre os que figuran investigadores das tres universidades galegas ou da Estación Biolóxica de Doñana.

Con entrada libre, previa inscrición, as xornadas arrancarán o sábado 25 na EE Forestal, cun programa integrado por nove conferencias, trasladándose o domingo 26 ao Museo de Pontevedra, onde, ás 11.30 horas, terá lugar a proxección do documental Iberia, naturaleza infinita, que suma nove candidaturas aos premios Goya, xunto cun coloquio co seu director, Arturo Menor.

Programa das VI Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade