Os partidarios a Pedro Sánchez copan a lista provincial para o congreso federal do PSOE

Pontevedra
28 de maio 2017

O congreso provincial celebrado este domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra escolleu aos 16 representantes que enviará ao congreso federal nunha votación da que se ausentaron 70 delegados desconformes coa composición da lista única presentada

Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero en Ponte Caldelas
Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero en Ponte Caldelas / Mónica Patxot

O Partido Socialista da Provincia de Pontevedra visibilizou a súa división no congreso provincial celebrado este domingo no Pazo da Cultura da cidade de Lérez.

Os afíns a Pedro Sánchez, vencedor nas recentes primarias á secretaría xeral do partido, fixéronse cos 16 postos de delegados que representarán á provincia no próximo Congreso Federal.

Gonzalo Caballero encabeza a lista de delegados, seguido por Maica Larriba, o alcalde de Vilagarcía Alberto Varela, Marta Freire e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. Iso en canto aos cinco primeiros postos, completando a representación Digna Rodríguez, Nicolás González, Verónica Tourón, Eduardo Reguera, María Pérez Martínez, Jorge Luís María López, Rosa María Otero Carballo, Raimundo Calviño, Violeta Lois, José Vence e Juliana Dios Barreiro.

Foi a única lista presentada a votación, contando cun amplo respaldo de 116 votos a favor e 27 en branco. Con todo ao coñecer os nomes da lista con Gonzalo Caballero en primeira posición, preto de 70 delegados abandonaron o congreso para evitar votar, alegando falta de "consenso e unidade" na lista proposta.

Os ausentes correspóndense ao sector que apoiou a Susana Díaz nas primarias e que decidiron non presentar candidatura tras fracasar a proposta de elaborar unha lista que reflectise o resultado das votacións na provincia.

O congreso provincial do PSOE estivo presidido polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e as concelleiras de Vilagarcía, Sonia Outón, e de Salceda, Verónica Tourón.