Os pensionistas avisan a Rajoy: "Somos os de maio do 68. Nin un paso atrás"

Pontevedra
15 de marzo 2018

CC.OO. e UGT van concentrarse co Movemento para a Defensa das Pensións este sábado 17 ás 11.00 horas na Praza de España en Pontevedra. En Vilagarcía e no Grove tamén está prevista unha protesta ás 11.30 horas dese mesmo día

Representantes de CC.OO. e UGT anunciando actos de protesta dos pensionistas
Representantes de CC.OO. e UGT anunciando actos de protesta dos pensionistas / PontevedraViva

Os xubilados e pensionistas móstranse irritados coas palabras de Mariano Rajoy no Congreso dos Deputados sobre as pensións. Esixen a recuperación do poder adquisitivo, a subida segundo o IPC rexeitando o 0,25% do goberno do Partido Popular e a derrogación da reforma que en 2013 provocou o recorte que, segundo indican, afecta o sistema público de pensións.

Así o manifestan representantes de UXT e Comisións Obreiras, que este sábado fan un chamamento á cidadanía para que se some ás concentracións de protesta previstas en distintos puntos do Estado.

En Pontevedra está prevista un acto ás 11.00 horas na praza de España onde os afiliados destes sindicatos coincidirán cos seguidores do Movimento para a Defensa das Pensións. No Grove e en Vilagarcía estas protestas van levarse a cabo a partir das 11.30 horas.

Marisa Domínguez Filgueira, de UXT, alertaba que esta loita emprendida polos xubilados está destinada aos pensionistas do futuro. "A xuventude que espabile", alertaba esta representante sindical sinalando que é necesario protestar para pelexar polo futuro. 

Mercedes Márquez, de CC.OO., aseguraba que as diminucións no IRPF anunciadas por Rajoy para os pensionistas non afectan á maioría, xa que o 63% están exentos do pago polo imposto da renda e a medida só afectaría a aqueles que cobran máis. 

"Somos os de maio do 68. Nin un paso atrás", indicaba Manuel Souto, afiliado de UXT, asegurando que o goberno dedica o diñeiro público a axudar á banca e a empresarios como Florentino Pérez. 

Os secretarios comarcais de CC.OO. e UXT, José Ramón Piñeiro e Ramón Vidal, denunciaron o desgoberno que o Partido Popular mostra en relación con este problema e alertan de que esta situación vai encamiñada á convocatoria dunha folga xeral no conxunto do Estado se non se resolve.