Os perceptores da Risga xa están a traballar nas brigadas de xardíns, obras e cemiterios

Pontevedra
24 de xullo 2015

Ata o vindeiro mes de setembro, 17 persoas formarán parte das brigadas de xardíns, obras e cemiterios do Concello de Pontevedra. Todas elas son perceptores da Risga, a renda de inserción social de Galicia

Traballadores da brigada de xardíns mediante o programa das Risga
Traballadores da brigada de xardíns mediante o programa das Risga / PontevedraViva

Ata o vindeiro mes de setembro, 17 persoas formarán parte das brigadas de xardíns, obras e cemiterios do Concello de Pontevedra. Todas elas son perceptores da Risga, a renda de inserción social de Galicia.

Os seus contratos son de sete meses e traballan o 75% da xornada laboral -xeralmente de luns a xoves en xornada de oito horas-.

A maior parte destas persoas teñen cargas familiares importantes, son xente nova e estas contratacións, que están subvencionadas pola Xunta, son unha oportunidade para normalizar a súa vida e acceder ao mercado laboral.

Para a concelleira de Benestar, Carmen Fouces, "esta é a mellor maneira de incluír: coller a un grupo de Risga con proxecto laboral e perfil para entrar no mercado laboral, e que poidan acceder a un posto de traballo remunerado para cubrir as súas necesidades básicas".

A concelleira adiantou que "sabemos que temos uns límites, e que non podemos empregar ao 100% dos perceptores de Risga, pero con este tipo de programas podemos incluír a persoas a través dun contrato".

Carmen Fouces recordou que este programa xurdiu da Xunta de Galicia a raíz dun enfrontamento moi forte no Parlamento entre o goberno e a oposición no que o Concello de Pontevedra achegou todos os datos da situación precaria que vivían os perceptores de Risgas en Galicia.

A situación levou á conselleira de Benestar Social a recapacitar e crear estes programas.

A brigada de xardíns, integrada maioritariamente por mulleres, é un grupo cohesionado e disciplinado que está a adecentar pequenos recunchos da cidade como as xardineiras de Santa María, o Campiño, A Barca ou as zonas verdes de San Roque.