Os peritos declaran que a vítima dunha violación múltiple en Lalín presenta tensión postraumática

Pontevedra
27 de febreiro 2017

A vista deberá renovarse o vindeiro xoves 9 de marzo coa declaración dunha testemuña que non acudiu ás dúas últimas sesións e pendente da posibilidade de que se repitan as comparecencias de seis persoas que xa testificaron na segunda sesión da vista oral, pero con cuxo relato houbo problemas técnicos  

Breogán F.T. e Ángel G.A., acusados dunha agresión sexual múltiple en Lalín, durante a segunda sesión do xuízo
Breogán F.T. e Ángel G.A., acusados dunha agresión sexual múltiple en Lalín, durante a segunda sesión do xuízo / Mónica Patxot

O xuízo por unha agresión sexual múltiple nas festas de Lalín en novembro de 2012 retomouse este luns na Audiencia Provincial de Pontevedra coa declaración de varios peritos que emitiron informes sobre a presunta vítima e os feitos denunciados e concluíron que, a consecuencia do ocorrido, sofre tensión postraumática e complicóuselle o seu estado anímico, pois xa tiña unha alteración do ánimo previo e houbo un "agravamiento".

Esta é a conclusión dunha perito que someteu á presunta vítima a unha serie de probas para determinar a veracidade da denuncia ante a posible esaxeración de parte do seu relato. A conclusión foi que non se pode determinar que exista unha simulación

A moza, presuntamente agredida sexualmente polos acusados Breogán F.T. e Ángel G.A. e dous menores xa condenados por estes feitos, presentaba un trastorno por TDAH desde pequena e antes dos feitos xa recibira atención médica por problemas de ansiedade. Tras estes feitos, foi necesario aumentarlle a medicación

Días despois dos feitos acudiu ao médico cunha dor na vaxina e, tras examinala, dous peritos concluíron que non presentaba ningunha lesión nin síntomas de violencia, pero que esa dor pode atribuírse a unha "cuestión nerviosa" e unha "respuesta a un cuadro de ansiedad". De feito, unha delas detectoulle sintomatoloxía de "estrés postraumático" que se agudiza cada vez que revive a experiencia, así como que "está atemorizada, tiene mucho miedo".

A especialista que a atendeu desde 2014 no Centro de Información á Muller (CIM) da Estrada corroborou esta "sintomatología ansiosa" que motivou que ata 2016 non puidese deixar de tomar medicación. Engadiu que tivo que volver tratarse xusto antes do xuízo, no que declarou a porta pechada e tras un biombo 

A vista deberá retomarse o vindeiro xoves 9 de marzo coa declaración dunha testemuña que non acudiu ás dúas últimas sesións e pendente da posibilidade de que se repitan as comparecencias de seis persoas que xa testificaron na segunda sesión da vista oral, pero con cuxo relato houbo problemas técnicos. 

A sesión deste luns arrancou co maxistrado presidente da Sección Segunda, Xosé Xoán Barreiro Prado, explicando que unha das testemuñas, proposta pola defensa dun dos dous acusados porque interveu nunha conversación a noite da presunta agresión, manifestara que non podía acudir á vista, pero non xustificara por que. Xa non compareceu o pasado xoves e este luns de novo,. 

A proposta do avogado defensor que a propuxo, e coa conformidade do fiscal, Pablo Varela, e o resto de avogados das partes, a muller será citada de novo formalmente e mesmo se autoriza a que sexa trasladada ao xulgado custodiada polas Forzas de Seguridade

Barreiro tamén trasladou un problema técnico que provocou que os seis primeiros testemuños da xornada do xoves 23 non quedaron recollidos no sistema de gravación da sala. O letrado da Administración de Xustiza levantou acta da sesión, pero non existe nin audio nin vídeo, de modo que Barreiro preguntou ás partes como queren proceder neste sentido.

Finalmente, tras debatelo as partes, acordouse que nos próximos días tentará recuperarse a gravación, revisaranse as actas e trasladaranse ás partes, para que vexan se son suficientes para dar por reproducida a declaración. No caso de que non o sexa, as testemuñas volverán ser citadas para o 9 de marzo.