Os políticos únense para manifestarse coas cores dos afectados polas preferentes

Pontevedra
10 de maio 2013

Preto de 3.000 persoas participaron na manifestación de apoio aos afectados polas preferentes que se desenvolveu polas rúas de Pontevedra. Alcaldes e concelleiros de todos os partidos das corporacións de Pontevedra, Marín e Poio asistiron encabezando a marcha

Inicio da manifestación de apoio aos afectados polas preferentes
Inicio da manifestación de apoio aos afectados polas preferentes /

A manifestación polas preferentes en Pontevedra conseguiu o que poucas conseguiron: unir a representantes de todos os partidos políticos tras unha mesma pancarta. Así representantes do Partido Popular, do BNG e do PSOE se sumaron á marcha que discorreu sen incidentes polo centro de Pontevedra ata chegar á Praza de España.

A mobilización estaba encabezada polo Alcalde de Pontevedra e os voceiros do PSOE e do PP, Antón Louro e Jacobo Moreira que non chegaron a poñerse a camiseta azul dos afectados polas preferentes en Marín e Pontevedra como si fixeron tanto Miguel Anxo Fernández Lores coma a alcaldesa de Marín, María Ramallo. O voceiro do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, indicou que dende o goberno local non nos chamaron para realizar o comunicado conxunto como nos prometeran pero estamos aquí porque o importante é apoiar os afectados".

Cerca de 3.000 persoas secundaron esta marcha na que participaron, entre outras, as plataformas de Poio, Arousa, Baixo Miño, Umia, Lugo, Vigo-Val Miñor, O Salnés, A Estrada, Ourense e Santiago. Un dos voceiros da plataforma de Marín-Pontevedra, David Rabuñal, destacaba a unidade dos políticos nesta cita e que manteñen a esperanza en que se poida encontrar unha solución rápida a este problema. O voceiro indicou que seguen chamando algúns afectados para a arbitraxe pero "sigue muy parado". Só en Pontevedra, 2.000 persoas agardan a ser chamadas para resolver a súa situación por esa vía.

Á manifestación tamén acudiu o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que reclamou a dimisión de Rajoy e de Núñez Feijóo por non se sentar cos afectados a negociar unha solución.

As bucinas e os tambores provocaron un estrondo continuo durante toda a marcha ata a chegada á Praza de España. Alí formouse un círculo con todas as plataformas participantes mentres dende un palco unha voceira agradecía a participación de todas as forzas políticas e do concello de Pontevedra por organizar este acto reivindicativo. E berrou: Vamos a loitar e a recuperar ou noso. Non ás quitas!!!

A continuación, o alcalde de Pontevedra dirixiuse aos manifestantes sinalando que "ás institucións teñen que estar defendendo os cidadáns nun exercicio da democracia máis profunda" e rematou a súa intervención cun "ánimo e adiante con esta loita tan xusta e tan importante para toda Galiza! Viva Galiza!

O acto rematou coa intervención doutra das voceiras da Plataforma Marín-Pontevedra, Rosana Prado, que lembrou que "seguiremos ata onde faga falta". E baixo o cántico de "Non vamos a parar ata os cartos recuperar" a concentración de manifestantes foi desaparecendo.