Como cada 1 de novembro repetiuse a mesma escena. Miles de pontevedreses acudiron aos cemiterios do municipio para visitar aos ausentes, a aqueles familiares e amigos que descansan no interior destes camposantos.
Desde primeira hora da mañá, o goteo de visitantes aos cemiterios foi incesante, aínda que sobre as doce do mediodía e, a primeiras horas da tarde, foron os momentos nos que se rexistrou unha maior afluencia.
Flores recentemente postas e candeas acesas adornaban os nichos e as sepulturas en recintos como o de San Amaro que, un ano máis, foi o cemiterio ao que acudiron máis persoas neste día festivo de Todos os Santos.
Ademais, como é tradición, foron varios os postos de flores, produtos de limpeza e rosquillas que se situaron na entrada do cemiterio.
Ante o gran número de cidadáns que se achegaron ata a zona, a Policía Local activou un dispositivo especial de tráfico para garantir que non se rexistrasen incidencias.
Así, entre outras cuestións, estableceuse un circuíto unidireccional no ámbito de San Amaro, ao que só se puido acceder desde a Rúa San Mauro e a Rúa Camposanto.
A circulación estaba bloqueada con valos desde a rúa Pintor Laxeiro, á altura de Ricardo Portela, por onde saían os coches dos que se marchaban do cemiterio.