Os populares abordan co Colexio de Enxeñeiros Industriais a urxencia dun novo PXOM

Pontevedra
14 de abril 2021

O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado por Pablo Fernández, reuniuse con representantes do Colexio de Enxeñeiros Industriais para coñecer as necesidades do colectivo.

Reunión do PP con representantes do Colexio de Enxeñeiros Industriais
Reunión do PP con representantes do Colexio de Enxeñeiros Industriais / PP de Pontevedra

Os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez e Pablo Fernández, reuníronse con representantes do Colexio de Enxeñeiros Industriais para coñecer as necesidades do colectivo.

Este encontro encádrase nunha serie de entrevistas que os populares están a ter cos colexios profesionais da cidade "afectados por ter un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) caducado".

Segundo a información do encontro que trasladan desde o PP, foron dous os temas que vertebraron a reunión: o atraso na concesión de licenzas municipais e a falta de solo industrial e empresarial en Pontevedra. Ambas as demandas, segundo os populares "poderíanse liquidar coa tramitación dunha novo PXOM para a cidade". 

Para o portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, dispoñer dun novo Plan Xeral "é fundamental" polo que urxiu a "actualizar" o actual documento que é do ano 1989 e que "contempla as necesidades daquel entón e está totalmente desfasado". 

"Necesitamos unha norma clara, que facilite os trámites da cidadanía coa Administración local, que sitúe á cidade á cabeza en Galicia en atracción de empresas", destacou Domínguez. A creación de solo industrial e empresarial axudaría "a traballar nunha contorna segura para que as empresas elixan Pontevedra para instalarse".

Para Domínguez, "nunha cidade onde o Concello celebra o botar a empresas e deixar a miles de persoas en paro, faise fundamental a creación dunha contorna xurídica segura para atraer empresas".
Por este motivo, Rafa Domínguez insistiu en que o concello "debe sacar do caixón a tramitación do PXOM".