Os populares critican a tardanza na sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello

Pontevedra
07 de xullo 2016

Os populares consideran que o "normal" era que esta firma se producise no mes de xaneiro coa entrada en vigor do novo Orzamento Municipal para o ano 2016 e botan en falla "os 850.000 euros para campos de herba sintética" ou os 100.000 euros para o novo Acceso a Monte Porreiro  

Sinatura de dous convenios entre a Deputación e o Concello de Pontevedra
Sinatura de dous convenios entre a Deputación e o Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

O concelleiro do grupo popular de Pontevedra, César Abal, criticou que a sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello "chega con 6 meses de atraso e ademais é incompleto".

Os populares consideran que o "normal" era que esta firma se producise no mes de xaneiro coa entrada en vigor do novo orzamento municipal para o ano 2016 e botan en falla "os 850.000 euros para campos de herba sintética" ou os 100.000 euros para o novo acceso a Monte Porreiro.

Por este motivo César Abal calificou de "acto de marketing" os convenios asinados este mércores.

Con todo, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera xa explicou durante o seu encontro entre o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que ambas as institucións queren asegurar cada un dos pasos previos necesarios para garantir que a execución das obras sexa inmediata ao peche do acordo.

"Non queremos asinar para a foto", asegurou Mosquera en referencia á multitude de anuncios, convenios e proxectos varios comprometidos polo anterior presidente Rafael Louzán e que logo non se materializaron.

Igualmente, Fernández Lores adiantou que o goberno local tamén quere construír un pavillón deportivo na Parda, aínda que recoñeceu que este convenio "aínda está verde" porque o alcalde non renuncia a que a Xunta se poida implicar neste proxecto. "Ten o deber moral de achegar algo" neste proxecto, dixo Fernández Lores en referencia ao malogrado convenio para a construción do Centro Lúdico Deportivo da Parda.

Todos estes convenios forman parte do protocolo marco xa asinado en novembro entre Deputación e Concello polo que a administración presidida por Carmela Silva comprométese a colaborar nun plan de investimentos duns dez millóns de euros en infraestruturas para a cidade de Pontevedra.