Os populares esixen ao goberno local que supervise ás empresas adxudicatarias

Pontevedra
14 de marzo 2016

Así o sinalou este luns a concelleira popular María José Rodríguez Teso tras reunirse co comité de empresa de Clece, a empresa que, dende o 2011, se ocupa do servizo municipal de axuda no fogar

Reunión do PP co comité de empresa de Clece
Reunión do PP co comité de empresa de Clece / PP de Pontevedra

Os populares esixen ao BNG que leve a cabo un "maior control sobre as empresas adxudicatarias, para evitar así que se incumpran as condicións establecidas nos contratos asinados".

Así o sinalou este luns a concelleira popular María José Rodríguez Teso tras reunirse co comité de empresa de Clece, a empresa que, dende o 2011, se ocupa do servizo municipal de axuda no fogar.

"Esta empresa incumpre sistematicamente as condicións do contrato, entre eses incumprimentos destacan os relativos ao convenio colectivo e ao calendario laboral", sinalou a edil popular, quen denuncia o "desleixo" amosado polo goberno nacionalista coas traballadoras de axuda no fogar.

"As traballadoras do servizo de axuda no fogar solicitaron unha reunión coa concelleira de Asuntos Sociais o pasado 4 de febreiro, e tan só recibiron, mes e medio despois, un escrito como resposta", denunciou a concelleira popular.

Neste sentido os populares consideran necesario que "o goberno nacionalista amose maior preocupación por estas traballadoras e polo tanto que supervise se a empresa cumpre con elas ou non".

Este contrato foi asinado entre o Concello e a empresa en abril de 2011 por un período de cinco anos que rematan neste 2016, "lamentablemente" o goberno local "non fixo os deberes a tempo para lograr sacar a licitación un novo contrato", sinalou Rodríguez Teso.

A concelleira popular reprochou que os nacionalistas prorroguen este contrato a pesar de que coñecen as irregularidades que está a cometer a empresa.