Os populares estudarán "con detalle" os problemas de saneamento do rural

Pontevedra
31 de agosto 2020

Esta situación está provocada, segundo Domínguez, por un proxecto "completamente insuficiente" que impide que centos de vivendas non se poidan conectar á rede ou deban correr cos gastos da instalación de bombas para evacuar as augas negras das súas casas

Xuntanza do PP con veciños de San Andrés de Xeve
Xuntanza do PP con veciños de San Andrés de Xeve /

Ante un nutrido grupo de veciños de San Andrés de Xeve, o portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, comprometeuse a que os populares revisen todos os casos de vivendas afectadas por problemas de saneamento do rural e estudalos "con detalle".

Esta situación está provocada, segundo Domínguez, por un proxecto "completamente insuficiente" que impide que centos de vivendas non se poidan conectar á rede ou deban correr cos gastos da instalación de bombas para evacuar as augas negras das súas casas.

O PP habilitou dous números de teléfono para que os afectados comuniquen os seus casos, o 986843804 ou 608562410, e ademais todas as redes sociais do partido estarán abertas para calquera mensaxe sobre este tema.

"É o noso deber e a nosa obrigación situarnos cos veciños, porque defendemos o xusto. É  irrazonable que sexan eles os que teñan que sufragar os gastos de conectarse á rede de sumidoiros, achegándose aos 5.000 euros", explicou o líder dos populares.

Para Rafa Domínguez, resulta "incomprensible" que haxa pontevedreses que sigan sen ter este servizo básico e esixiu ao goberno municipal unha solución "xusta e digna" para os afectados e acabe co "profundo abandono" do rural.