Ángel Moldes, portavoz do PP local, acompañado por outros representantes do partido, percorría o martes o tramo da 'Ruta do Padre Sarmiento', que pertence ao sendeiro espiritual do Camiño Portugués a Santiago. Esta zona sitúase entre o Camiño dos Cachafeiros e o Camiño da Armada.
Segundo indican, este tramo atópase abandonado coa presenza de maleza que dificulta o paso de vehículos e de peóns. Por este motivo, Moldes solicita unha actuación urxente de limpeza e mantenemento no Camiño da Armada, ao ter previsión de que durante este ano e o vindeiro será empregado de maneira masiva por peregrinos, ademais de pola veciñanza.
Afirma que o goberno local "algo está a facer mal" cando gasta milleiros de euros en rozas e ten tantos camiños de Poio neste estado.
Ademais indicou que, tras o anuncio da renovación de sinais no itinerario do Camiño por parte do Concello, de pouco serve gastar eses cartos se non existe mantenemento dos camiños en zonas que se queren potenciar para atraer o turismo.