Os populares recollen as queixas da veciñanza do Monte do Taco

Pontevedra
05 de novembro 2020

O concelleiro Pablo Fernández trasladará ao pleno municipal unha proposta para realizar melloras para o barrio de Monte do Taco, ao entender que se debe poñer fin a anos de abanono. O PP local pedirá que se inclúa esta zona no futuro proxecto de reforma urbana da contorna do río Gafos

Visita de Pablo Fernández, concelleiro do PP, ao Monte do Taco
Visita de Pablo Fernández, concelleiro do PP, ao Monte do Taco /

Pablo Fernández, concelleiro do PP de Pontevedra, presentaba este xoves unha proposta para o próximo pleno municipal para reclamar unha mellora e impulso do barrio de Monte do Taco e da rúa Ponte Nova. 

Tras visitar esta contorna con encontros coa veciñanza, o representante popular pedirá ao Concello que poña en valor e potencie este barrio para liquidar demandas históricas dun espazo situado nas proximidades ao centro da cidade. Pablo Fernández afirma que a pesar de atoparse "a escasos metros da Casa do Concello leva anos de abandono". 

A veciñanza afirma que aumentou a inseguridade cidadá e o PP reclama máis presenza policial. Tamén alertan da falta de mantemento do parque do Monte do Taco, que conta con maleza que impiden a visibilidade desa zona e, desta forma, converteuse nun punto de trapicheo e de venda de droga. Segundo indica Pablo Fernández, os veciños trasládanlle que están a chamar á Policía Nacional cada pouco tempo ou mesmo  enfretarse a estas persoas que realizan venda de estupefacientes no barrio.

Tampouco contan con boa accesibilidade ás vivendas, os pavimentos das rúas e beirarrúas atópanse deteriorados e os camiños son estreitos, ademais de carecer de servizos básicos e de aparcamentos para persoas con mobilidade reducida. A isto, Pablo Fernández sumará unha petición de limpeza, poda e mellora dos xardíns.