Os positivos por coronavirus repuntan e pasan a barreira dos 500, pero estabilízanse as hospitalizacións

Pontevedra
13 de abril 2020

Este luns hai un total de 60 pacientes nos hospitais da área sanitaria, dos que 15 son pacientes que evolucionan en UCI e 45 está ingresados en planta. Prescribíronse xa 114 altas hospitalarias, dúas desde o último balance do domingo

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contabiliza este luns 13 un total de 19 casos activos de coronavirus máis que o domingo, un crecemento que supuxo que, por primeira vez desde inicio da pandemia, se exceda a barreira do medio milleiro de pacientes positivos. 

En concreto, hai 501 casos activos fronte ao 482 día anterior. Dado que nese mesmo período producíronse dúas altas, en realidade, o número de positivos detectados nun día foi 21. 

A pesar deste repunte, estabilizouse o número de pacientes hospitalizados e mesmo hai un menos que o día anterior. Este luns son un total de 60 nos hospitais da área sanitaria, dos que 15 son pacientes que evolucionan en UCI e 45 está ingresados en planta. Deles, 5 están no Hospital do Salnés e un no Hospital QuirònSalud Miguel Domínguez de Pontevedra. 

Os 501 casos activos complétanse con 441 pacientes con positivo en Covid-19 que están illados no seu domicilio

Desde o inicio do plan de continxencia do Covid-19 faleceron na área sanitaria 12 pacientes e prescribíronse 114 altas hospitalarias -cifra que representa un incremento de 2 altas tramitadas con respecto ao domingo

En Galicia, segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos ascende a 5.939. Deles, 1.252 son da área da Coruña, 591 da de Lugo, 1.166 da de Ourense, 501 da de Pontevedra, 1.090 da área de Vigo, 1.001 da de Santiago, e 338 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 136 permanecen en UCI, 735 están en unidades de hospitalización e 5.068 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 1.186 altas de pacientes e 369 falecementos.

O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,7% do total das persoas residentes. En total, hai 923 usuarios e 416 traballadores destes centros con coronavirus. Do total de fallecimietos da comunidade, 82 eran persoas que estaban en residencias e 76 estaban en hospitais e residencias integradas.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.