Os praceiros do mercado de Sanxenxo recolocaranse no local do antigo Eroski mentres duren as obras

Sanxenxo
09 de novembro 2021

O local, destinado previamente ao supermercado Eroski, está situado a apenas 200 metros do actual, na Rúa Progreso, e conta co visto e prace dos placeiros

Reunión cos praceiros do mercado de Sanxenxo
Reunión cos praceiros do mercado de Sanxenxo

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, expuxeron este luns aos vendedores da praza de abastos de Sanxenxo a súa localización temporal mentres duren as obras das novas instalacións do mercado e a humanización da contorna. 

Tras varios meses de procura e negociacións, o goberno logrou na Rúa Progreso, a apenas uns 200 metros da praza, o novo espazo, un local dedicado xa previamente á alimentación, concretamente o supermercado Eroski, de 800 metros cadrados. Tras chegar a un acordo co propietario do inmoble, está previsto que asinen o contrato de alugueiro nos próximos días e iniciar os traballos necesarios no interior.

O traslado está previsto que se faga xa efectivo a principios do próximo ano, tras o paso das festas do Nadal. O concelleiro de Economía está a traballar xa na adaptación do espazo ás necesidades dos concesionarios. O goberno conta cunha partida de 40.000 euros no Orzamento deste ano para executar a remodelación necesaria dos espazos nos que se reutilizarán as bancadas, luminarias e equipamento do mercado actual. 

"O importante é que o tempo que duren as obras, os vendedores e clientes se atopen cómodos e que as vendas non se resintan polo cambio de espacio", explicou Martín.

O local elixido conta, ademais, xusto á beira, cun aparcamento disuasorio con capacidade para medio centenar de vehículos que se habilitará durante os días de mercado e en horario matinal só para clientes e servizo do mercado. 

Na actualidade o mercado conta con 7 postos fixos e 60 bancadas. O novo edificio ten un orzamento de execución que rolda os 6 millóns de euros. O inmoble distribúese nunha planta subterránea de aparcadoiro, sala de frigoríficos, ascensor e montacargas. Terá ademais seis plantas en superficie.

A planta baixa e o primeiro piso destinaranse ao mercado. As catro restantes destinaranse a espazos comerciais, culturais e gastronómicos. O novo mercado busca dinamizar a actividade económica da súa contorna e supoñerá unha mellora urbanística da zona.