Os premios Cidade de Pontevedra 2019 son para Esdemga e Rosario Álvarez

Pontevedra
13 de xaneiro 2020

Os galardóns, concedidos por unanimidade, serán entregados o día 20 de xaneiro nunha sesión plenaria extraordinaria

Lola Dopico, na súa etapa como directora da Esdemga
Lola Dopico, na súa etapa como directora da Esdemga / Universidade de Vigo - Arquivo

Os premios Cidade de Pontevedra 2019 xa teñen dono. O próximo 20 de xaneiro entregaranse os galardóns, nun pleno extraordinario, á presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e á Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) despois de que o xurado, composto por representantes de todo o tecido social da cidade, elixíraos por unanimidade.

Proposta pola Asociación Maio Longo, Rosario Álvarez resultou ser merecedora do distintivo "pola súa traxectoria intelecutal e pola súa vinculación coa cidade de Pontevedra, onde naceu", declarou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, ao finalizar a reunión do xurado.

Esta pontevedresa é catedrática de Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e desde maio do 2018 ocupa a presidencia do Consello da Cultura Galega. Ademais é integrante da Real Academia da Lingua, foi vicerreitora de profesorado da USC, directora do Departamento de Filoloxía Galega e directora do Instituto da Lingua Galega. "Conseguiu rachar o teito de cristal, pois é a primeira vez que unha muller chega a presidir o Consello da Cultura Galega", destacou Fouces. 

O premio a persoa xurídica é para Esdemga por ser "representante da innovación e internacionalización vinculada ao mundo do deseño de moda da cidade de Pontevedra. Levan vinte anos sendo un magnífico exemplo do que nós queremos que sexa a cidade de cara a fóra", detallou a edila. A proxección de profesores e alumnos, así como a organización de eventos con invitados de recoñecido prestixio internacional influíron tamén na decisión do xurado.

Proposta polo Ateneo Pontevedra, a escola de moda dirixida por Lola Dopico converteuse nun máster universitario de Deseño e Dirección Creativa de Moda. Estes estudos comezaron a impartirse no campus de Pontevedra no 2004, desde entón formou a profesionais do mundo da moda durante todo este período, con traballos fin de estudos que se mostran anualmente na pasarela Debut. 

"Agardamos que o 20 de xaneiro sexa un día festivo", espera Carmen Fouces, quen tamén tivo unhas palabras de agarimo para as candidaturas do procurador Portela Leirós e a Fundación Amigos de Galicia, que finalmente non resultaron premiadas. "Serían tamén uns fantásticos premiados", concluíu a concelleira.