Os propietarios dun edificio derrubado en 2020 deben pagar ao Concello de Sanxenxo o que lle custou tiralo

Sanxenxo
13 de xuño 2022

Unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra obriga aos propietarios para pagar 50.309 euros. O edificio foi declarado en estado de ruína en 2018 e concedeuse un prazo de 3 meses aos propietarios para a demolición. Ante a falta de cumprimento, o  Concello decidiu acudir á execución subsidiaria

Antigo edificio de Muebles Alonso, na rúa Progreso
Antigo edificio de Muebles Alonso, na rúa Progreso

Unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra acaba de ditar unha resolución pola que pecha o proceso xudicial derivado da derriba do antigo edificio de Mobles Alonso na rúa Progreso de Sanxenxo. O Concello executou a demolición no ano 2020 ante o seu estado de abandono e a  inacción dos propietarios xa agora recuperará o diñeiro 

O xulgado obriga aos propietarios para pagar ao  Concello os gastos da derriba, que ascenden a 50.309 euros.

A sentenza rexeita os dous recursos de reposición presentados contra as liquidacións viradas polo  Concello á comunidade hereditaria do inmoble. O fallo, de todos os xeitos, non é firme e os propietarios poden recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). 

O edificio foi declarado en estado de ruína en 2018 e concedeuse un prazo de 3 meses aos propietarios para executar a demolición. Ante a falta de cumprimento, o  Concello decidiu acudir á execución subsidiaria de derriba e logo cobrar os gastos ocasionados aos donos do inmoble. 

A maxistrada recolle na sentenza que todo indica que "se tenta evitar custe o que custe calquera gasto asociados á execución da derriba" e considera "pouco sincera".a reclamación da pedra retirada ou a dedución do seu importe na liquidación final. 

EXPEDIENTES URBANÍSTICOS

O  Concello de Sanxenxo informou este luns de que avanza no proceso de caducidade de licenzas de 8 das 10 edificacións ás que está previsto iniciar un expediente de reposición da legalidade que na maioría dos casos culminará nunha derriba. 

Trátase de esqueletos de cemento e formigón que xeran importantes casos de feísmo no municipio e provocan graves problemas de salubridade e seguridade. 

Algúns dos propietarios destas estruturas obtiveron hai máis de 30 anos a licenza de obra, permiso que ten unha vixencia de tres anos, pero nunca chegaron a rematala.