Os psicólogos do Concello de Pontevedra fan un seguimento a 2.000 maiores que viven sós

Pontevedra
28 de abril 2020

Aínda que moitas persoas de idade avanzada se esixen resistir e evitan pedir axuda, os catro psicólogos municipais comezan a detectar desgaste polo confinamento e medo ao futuro entre as persoas que viven soas

Persoa maior falando por teléfono
Persoa maior falando por teléfono / Sabine van Erp en Pixabay

Catro psicólogos funcionarios da Concellería de Benestar Social están a asumir dende o inicio do estado de alarma a atención psicolóxica e o apoio emocional ás persoas maiores de 65 anos e dependentes que viven soas en Pontevedra.

Este equipo de profesionais vén de completar nestes días unha segunda rolda de chamadas de seguimento a uns 2.000 cidadáns co fin de detectar novas necesidades, demandas de asistencia e outros problemas sobrevidos polo confinamento.

Os psicólogos xa comezan a atopar nesta segunda fase de contacto algúns síntomas de desgaste polo tempo transcorrido de encerro na casa, medo ao futuro e certo desacougo e dúbidas ante as posibles dificultades de poder xestionar con autonomía as circunstancias limitadoras, sobre todo nos casos de soidade.

Tal e como sinala a concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro, trátase dunha situación "totalmente nova, que xera incerteza e indefinición sobre a chegada dunha etapa de peche e resolución, algo que se acentúa para os nosos maiores".

A necesidade de falar por parte dos maiores que viven este tempo de confinamento en soidade trasládase ao feito de que 32 destas chamadas se transformasen en "conversas de entre 10 e 30 minutos", indica a concelleira.

"A todas estas persoas se lles explica o sentido da chamada, é dicir, que o Concello contacta con eles para saber se se atopan ben, como se están a adaptar ao confinamento, como o levan e se precisan algo, informándolles de que os nosos números de teléfono están operativos a calquera hora do día, especialmente se experimentan baixóns, ansiedade ou algunha especial dificultade".

A pesar de que, en xeral, a situación está baixo control e non se teñen detectado problemáticas graves de ansiedade, medo á morte ou agorafobia, o equipo de psicólogos de Benestar Social estima que estas complicacións poderían saír á superficie cando se inicie a fase de desconfinamento, e posiblemente dun xeito máis agudo noutros sectores da poboación como sanitarios e persoal de hospitais, ambulatorios e ambulancias, así como en forzas e corpos de seguridade do Estado.

Paloma Castro lembra que o seu departamento ten a disposición da cidadanía os teléfonos 986 85 83 34 e 986 85 03 98 en horario de 8:00 a 20:00 horas. As traballadoras sociais do Concello de Pontevedra encárganse de atender as chamadas, respostar ás necesidades de adquisición de alimentos ou produtos farmacéuticos de persoas que vivan soas ou presenten problemas de autonomía e mobilidade e, naqueles casos nos que sexa preciso ou se solicite, derivalas aos psicólogos municipais.