Os reclusos do centro penal da Lama lembran a Concepción Arenal

A Lama
31 de xaneiro 2020

A escritora e xornalista, foi visitadora de Prisións e defendeu arduamente os dereitos das persoas privadas de liberdade. O acto foi organizado grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega

Acto cultural no Centro Penitenciario da Lama
Acto cultural no Centro Penitenciario da Lama

O centro penal da Lama acolleu este venres un acto de homenaxe e recordatorio a Concepción Arenal, no 200 aniversario do seu nacemento.

A escritora e xornalista, foi visitadora de Prisións de Mulleres de Galicia en 1863 e é para a Administración Penal unha figura fundamental.

Defensora dos dereitos das persoas privadas de liberdade, promoveu a educación como ferramenta básica da reinserción social do penado.

No acto organizado na prisión pontevedresa proxectouse a película "Concepción Arenal, a visitadora de cárceres" da directora Laura Maña e protagonizada por Blanca Portillo e Mabel Rivera. A continuación, Mabel Rivera e Isabel Neira, actrices desta película e Celia Pereira Porto, experta en Arenal compartiron cos internos as súas opinións acerca do que representa hoxe en día a súa figura e o seu legado para as persoas privadas de liberdade.

Nesta actividade tamén participou a directora da prisión, Teresa Delgado, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, Mª Xosé Porteiro.