Os Reis Magos atopan máis de 400 cómplices en Pontevedra

Pontevedra
24 de decembro 2015

Esta semana pechou o prazo para inscribirse na iniciativa (En)Volve promovida polo Concello. Todas as persoas que decidiron dar o xesto solidario de converterse en cómplice poderán levar os seus agasallos á Sala Gafos da Casa Azul. Deberán facelo antes do 31 de decembro

Agasallos que os cómplices dos Reis Magos entregaron na Casa Azul en 2015
Agasallos que os cómplices dos Reis Magos entregaron na Casa Azul en 2015 / (En)Volve Casa Azul

Máis de 400 cómplices colaborararán cos Reis Meigos este ano comprando agasallos aos nenos de familias pontevedresas sen recursos a través da iniciativa de (En)Volve promovida desde a Casa Azul do Concello de Pontevedra. Esta semana pechouse o prazo para inscribirse e xa o martes 22 chegaran á "máxica cifra" dos 400 voluntarios. 

Para participar nesta iniciativa tan só era necesario apuntarse á Casa Azul na rúa Sor Lucía ou enviando un email ao correo electrónico [email protected]. Agora, todas as persoas que decidiron dar o xesto solidario de converterse en cómplice poderán levar os seus agasallos á Sala Gafos da Casa Azul. Deberán facelo antes do 31 de decembro.

Os voluntarios inscritos recibiron a carta dun neno co que pide aos Reis Meigos para saber que regalo comprarlle, pero todos coa limitación de que o xoguete ou detalle comprado non teña un valor superior a 30 euros. Desde (En)Volve lembran aos seus cómplices, iso si, que estes días 24 e 25 de decembro non recollerán agasallos, pois a Casa Azul permanecerá pechada. A partir do luns e poden volver entregarse os paquetes, cos que se aspira que todos os nenos pontevedreses teñan un agasallo o día de Reyes independentemente de que a súa familia teña escasos recursos.

Esta iniciativa solidaria ten o seu xerme no programa 'Tira do lazo' da Asociación 365 sorrisos, que o ano pasado tivo máis de 300 cómplices. Este ano organízao o propio Concello de Pontevedra e ten o seu centro de operacións na Casa Azul.