Os Reis Magos chegarán a Ponte Caldelas cun festival a cuberto da choiva

Ponte Caldelas
03 de xaneiro 2018

A discoteca Reivi acollerá o festival este xoves 4 de xaneiro substituíndo á tradicional cabalgata ante as malas previsións meteorolóxicas

Cabalgata de Reis en Ponte Caldelas
Cabalgata de Reis en Ponte Caldelas

O mal tempo cambiará os plans dos Reis Magos na súa visita a Ponte Caldelas, pero non impedirá que as Súas Maxestades poidan recibir as peticións dos nenos do municipio.

Debido ás previsións de choiva, non se celebrará a tradicional cabalgata, pero no seu lugar terá lugar un festival para cuberto no local da discoteca  Reivi.

O mesmo terá lugar este xoves 4 de xaneiro entre as 17:00 e as 21:00 horas, incluíndo animación musical e "moitas sorpresas", aseguran os promotores, a asociación de comerciantes locais Coempo co apoio do Concello.

"Falamos dun evento no que hai rapaces de todas as idades e non nos parece axeitado que estean agardando á choiva cando podemos ofrecerlles un festival cómodo para toda a familia", sinalou o alcalde  Andrés Díaz.

Está previsto que á súa chegada Melchor, Gaspar e Baltasar, ademais dos caramelos habituais, repartan un agasallo para cada un dos nenos e nenas que ata alí se acheguen.

Ademais a última hora repartirase chocolate con rosca grazas á colaboración das asociacións de mulleres rurais do Verdugo, de Xustáns e de Aires del Norte y Olé.