Os segredos que gardaba Santa Clara: albergou un balneario con fins comerciais no século XIV

Pontevedra
08 de xaneiro 2023

O estudo histórico artístico realizado por Suso Vila está a resultar unha fonte de información inesgotable. Nel, figuran datos como a existencia duns baños públicos que Dona Maior Pérez doou a dúas monxas do convento en 1327. É unha noticia "de por si extraordinaria", pois en Galicia só están documentados estes e os de Ourense

Convento de Santa Clara
Convento de Santa Clara / Mónica Patxot

Máis dun ano despois do paso a mans públicas do antigo convento de Santa Clara, seguen a descubrirse segredos que durante séculos quedaron escondidos detrás dos muros do cenobio. O estudo histórico artístico realizado polo doutor Suso Vila está a resultar unha fonte de información inesgotable e nel figuran datos como, por exemplo, a existencia duns baños públicos a modo de balneario xa no século XIV. 

Para este historiador, coñecer a existencia destes baños "é de por si extraordinaria", pois en Galicia só están documentados dous baños públicos: os de Ourense e estes de Pontevedra.

Estes baños públicos están vencellados á figura de Dona Maior Pérez, viúva do burgués de Pontevedra Fernán Núñez de Aldán, considerada a fundadora do convento, pois o primeiro edificio construíuse grazas a unha doazón realizada por ela o 14 de marzo de 1271 para promoción da comunidade.

Consérvanse moi poucos datos sobre estes baños públicos, pero suficientes para que Suso Vila fale dunha actividade pouco habitual en Galicia e dunha iniciativa empresarial de Dona Maior que "tiña unha enorme complexidade".

A principal fonte de coñecemento de Dona Maior Pérez son as doazóns ao convento que fixo durante 30 anos. Pese a ser viúva, xestionaba as súas propiedades e puxo en marcha negocios que este historiador define como "atípicos" como estes baños de Pontevedra.

Nun documento de 1327, doa ás monxas Teresa Fernandes e Teresa Martín e despois delas ao convento "os banos que eu fige enna villa de Ponteuedra asy commo stam con suas casas et con suas entradas et seydas et con todas suas dereituras que me perteeçen et perteeçer deuen de dereito (sic)". 

Este balneario do século XIV tiña fins comerciais e así figura na súa doazón ás monxas e ao convento "non só como bens inmobles senón como un negocio que xera rendas".

Os baños situábanse nas proximidades da porta da Rochaforte (logo porta de Santa Clara), local onde xurdiría unha fonte pública chamada de Santa Clara. Probablemente estes baños ocupasen varias parcelas para incluír as salas de auga fría, morna e quente xunto con espazos de vestiario ou incluso algún patio interior.

Os escasos referentes de baños públicos en Galicia obriga a pensar que Dona Maior puido inspirarse noutras cidades para levar a cabo a construción dos baños e tamén levalo como modelo a Pontevedra.

Por un lado, puido inspirarse no modelo de Ourense, o máis próximo que puido coñecer Dona Maior, pero Suso Vila aclara que estaba condicionado pola orixe das augas termais, que en Pontevedra non había, de maneira que a inspiración puido chegarlle doutras localidades como Burgos, Cuenca, Palencia ou Valladolid. Tamén puido chegarlle a inspiración dos modelos de 'baños árabes' que se conservaban naqueles anos en Tordesillas, no convento de Santa Clara, antigo palacio real, ou en Toledo.

A existencia destes baños e a súa localización tamén teñen como fonte de información importante o arqueólogo Xurxo Constela, de Citania Arqueoloxía S.L., e as sondaxes que realizou nas rúas García Flórez e Laranxo no ano 2010. Alí atopou unha canle de pedra e unha fonte, ás costas das vellas casas do convento xunto a antiga porta da Rochaforte ou Santa Clara, en dirección ao espazo no que se atoparía a Fonte de Santa Clara, que estaba cara á actual rúa Sarmiento.

O acuífero que subministraba auga á fonte de Santa Clara debía ser o mesmo que Dona Maior aproveitou para fornecer os seus baños antes de 1327. 

O estudo realizado por Suso Vila no marco dos traballos de investigación e baleirado documental que complementaron as escavacións arqueolóxicas no recinto relixioso xa aclara que Dona Maior Pérez vai ter un gran protagonismo no proceso de construción e consolidación económica de dous conventos galegos, Santa Clara de Santiago e Santa Clara de Pontevedra, pero que a súa designación de fundadora sería algo "excesivo" en canto a que se descoñece o momento fundacional destes conventos femininos, en todo caso anterior á intervención de Maior nos primeiros anos do século XIV.

Dona Maior Pérez realizou a doazón máis importante á Santa Clara de Pontevedra o 28 de xullo de 1310, xa viúva, cando a abadesa de Santa Clara, a primeira desta orde relixiosa, era Leonor Rodríguez.