No acto de sinatura autonómica dos 28 novos Plans locais de saúde 2024-2027 do Servizo Galego de Saúde (Sergas) celebrado esta semana en Santiago de Compostela, catro corresponderon a servizos de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
En concreto, son os de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, O Grove e Marín.
Deste xeito, esta área de saúde conta cun total de once Plans locais de saúde, posto que xa existían outros sete nos centros de saúde de Valga, Bueu, Lérez, A Parda e Virxe Peregrina en Pontevedra, Cambados e Vilanova de Arousa.
Os plans de saúde locais son ferramentas de planificación estratéxica a nivel local que permiten fixar obxectivos e accións de mellora específicos para cada centro de saúde, segundo as necesidades da súa poboación. Así mesmo, céntranse na atención integral da persoas, de aí que ofrezan unha visión familiar e comunitaria da acción do centro de saúde, achegando unha maior equidade, accesibilidade e proximidade no trato ao paciente.