Os sindicatos cifran nun 90% o seguimento da folga na xustiza e a Xunta redúceo á metade

Pontevedra
13 de decembro 2017

No marco destas protestas, os sindicatos levaron a cabo unha manifestación que saíu do edificio xudicial da Parda pasando pola Audiencia Provincial e con parada final na Delegación territorial da Xunta en Campolongo

Xornada de protesta dos traballadores da administración de Xustiza PontevedraViva

Os sindicatos convocantes dunha nova xornada de folga na administración de xustiza de Galicia este mércores cifran o seguimento medio na Comunidade galega nun 90%, mentres que a Xunta reduce o apoio ao 46,97 por cento.

A convocatoria realizada por  SPJ USO, UXT, CIG, CSIF, CC. OO.,  STAJ e  CUT en Galicia rexistrou un seguimento medio do 95% na cidade de Pontevedra, en Marín do 100% e en Caldas en 95%. No caso dos xulgados da Parda o seguimento foi do 91,8%, nos do  Concencioso 100% e na Audiencia Provincial 94,6%.

A Xunta destacou que os servizos mínimos decretados están a cumprirse "na súa totalidade" e "non hai constancia de incidencias de relevancia".

No marco destas protestas, os sindicatos levaron a cabo unha manifestación que saíu do edificio xudicial da Parda pasando pola Audiencia Provincial e con parada final na Delegación territorial da Xunta en Campolongo.

A plataforma sindical sinalou o aumento de participación nesta xornada algo que xustifican en que os traballadores toman "máis conciencia" da situación en Galicia ante as reivindicacións de melloras salariais e sociais para equiparse a funcionarios de xustiza doutras comunidades autónomas.

A Consellería de Presidencia,  Administracións Públicas e  Xustiza citou aos sindicatos para unha nova reunión o día 20, co fin de "seguir dialogando co obxectivo de chegar a un acordo".