Delegados sindicais de Pontevedra e Vigo pertencentes a UGT, CIG e CC.OO. concentraranse o xoves 22 de maio ás 11.00 horas ante a Audiencia Provincial para protestar contra as actuacións que perseguen penalmente a liberdade sindical. Estas centrais denuncian que este ano hai 40 expedientes abertos en España contra representantes sindicais ou traballadores con petición de penas de prisión.
O caso de Ana e Tamara, as empregadas das piscinas de Campolongo, que foron condenadas a tres anos de cárcere por formar parte dun piquete que lanzou un colorante durante unha protesta na piscina de Ponte Muiños, converteuse nun desencadeante de actos de solidariedade e de protesta para reclamar o indulto das dúas traballadoras.
José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., indicou que a campaña de recollida de sinaturas para solicitar que non ingresen en prisión está a ser un éxito. Na páxina de Change xa suman máis de 61.000 sinaturas. Agora, os sindicatos comezarán a solicitar reunións cos principais políticos da provincia coa intención de que intercedan polas dúas mozas. Unha delas, segundo indicou García Pedrosa, presentou o recurso de amparo mentres que a outra ten previsto presentar previamente un incidente de nulidade ante a Audiencia e en caso de que se desestime, tamén presentará o recurso de amparo.
Ademais deste caso, Marcos Conde e Ramón Vidal, secretarios comarcais de CIG e UGT, insistiron en que estas actuacións lexislativas por parte do Goberno e a intervención da Fiscalía ten como obxectivo defender os intereses do capital: "queren xente calada e non queren xente na rúa".