Os socialistas dan a voz de alarma sobre o impacto da lei de taxas xudiciais en Pontevedra

Pontevedra
18 de xaneiro 2014

Asegura a deputada pontevedresa, Patricia Vilán, que os datos que se reflicten neste sitio web son "alarmantes": comparando os meses de xaneiro a setembro de 2012 (antes das taxas) e o mesmo período en 2013 (despois das taxas), na vía civil os asuntos dos xulgados de Primeira Instancia da provincia reducíronse en case 900; na Audiencia Provincial, en máis de 1.000; nos xulgados do Contencioso-Administrativo, en máis de 300

Concentración contra a Lei de Taxas Xudiciais no primeiro aniversario da súa publicación
Concentración contra a Lei de Taxas Xudiciais no primeiro aniversario da súa publicación / Mónica Patxot

A deputada socialista pontevedresa Patricia Vilán vén de presentar, xunto con outros compañeiros do grupo parlamentario, diante da Mesa do Parlamento Galego varias preguntas en relación sobre o impacto das novas taxas xudiciais na provincia de Pontevedra.

Lembra Vilán que en novembro pasado solicitou os datos relativos á incidencia das taxas. A resposta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza foi que a Xunta non ten acceso a tales datos e a remisión á paxina web do Consejo General del Poder Judicial.

Asegura a deputada pontevedresa que os datos que se reflicten neste sitio web son "alarmantes": comparando os meses de xaneiro a setembro de 2012 (antes das taxas) e o mesmo período en 2013 (despois das taxas), na vía civil os asuntos dos xulgados de Primeira Instancia da provincia reducíronse en case 900; na Audiencia Provincial, en máis de 1.000; nos xulgados do Contencioso-Administrativo, en máis de 300.

Á vista destas cifras, Vilán pregunta se non sería posible que a Xunta recabase os datos solicitados polo PSdeG-PSOE para coñecer de primeira man a repercusión que tivo a implantación das controvertidas taxas no conxunto da Comunidade Autónoma, "ou non lle importa ao Goberno galego?".

Quere saber "durante canto tempo van ignorar o presidente da Xunta e o conselleiro de Presidencia o que está a suceder" e qué medidas ten previsto adoptar o Goberno galego "para evitar que os cidadáns padezamos una xustiza de dobre rede: para ricos e pobres".

Finalmente, a deputada socialista interésase polo seguemento que está a facer a Xunta de Galicia dos cambios que se están a producir na Administración de Xustiza por mor da repercusión destas taxas.