O grupo municipal do Partido Socialista no Concello de Sanxenxo vén de denunciar unha "nova discriminación ás parroquias menos poboadas e ás zonas máis rurais". Así é como entende o PSdeG-PSOE de Sanxenxo a proposta de transporte urbano presentada polo alcalde Telmo Martín hai uns días.
Tanto a lanzadeira que partirá desde o polígono de Nantes como as rutas do bus circular que teñen a igrexa de Sanxenxo como punto de partida "deixan no esquecemento a Bordóns, Dorrón e Nantes".
Para a agrupación socialista de Sanxenxo a exclusión de paradas nestas tres parroquias impide á veciñanza destas zonas de acceder a un servizo de transporte financiado polo Concello cun investimento que supera os 170.000 euros.
Por outra parte, engade este grupo municipal, a exclusión destas parroquias "priva aos visitantes dun transporte público regular para ir explorar os moitos recursos que oferta o rural de Sanxenxo".