Os socialistas esixen á Xunta que remate as obras do colexio Froébel

Pontevedra
24 de abril 2015

O Partido Socialista acusou de "constante manipulación" á Consellería de Educación para non atender os problemas do Ensino público nos tramos de Educación Infantil e Primaria no municipio de Pontevedra

Patricia Vilán, José Manuel Civeira e Agustín Fernández no colexio Froebel de Pontevedra
Patricia Vilán, José Manuel Civeira e Agustín Fernández no colexio Froebel de Pontevedra

O Partido Socialista acusou de "constante manipulación" á Consellería de Educación para non atender os problemas do Ensino público nos tramos de Educación Infantil e Primaria no municipio de Pontevedra.

O candidato á alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, sinalou que esta mesma semana a ANPA do colexio Froébel "decatouse dos enganos da Consellería" ao respecto das obras prometidas no centro e, simultaneamente, a Consellería admite, "que non ten a menor intención de aprobar un mapa escolar racional, zonificando aos alumnos con criterios de maior proximidade ao seu lugar de residencia ou de traballo dos pais".

Para Agustín Fernández detrás das dúas decisión agóchase a mesma razón, "a falla sistemática de investimentos por parte da Xunta".

Fernández lembra que a Consellería prometeu no ano 2011 un investimento de 1,8 millóns de euros no colexio Froébel para unha reforma integral, que pretendía executar en tres fases. Delas só acometeu a primeira, valorada en menos de 600.000 euros, cun avultado atraso sobre o calendario anunciado. Agora hai dúbidas sobre a segunda e a terceira quedou definitivamente desbotada.

Dende o PSdeG sinalan que a única obra relevante acometida pola Xunta nos últimos anos foi "a creación de aulas en espazos inverosímiles dos colexios", tales como salóns multiusos, ximnasios, almacéns ou mesmo aseos.

"Todo elo para ir camuflando o déficit de prazas de Ensino Infantil e poder presumir de que hai colexios onde hai máis oferta que número de solicitudes", e mantendo, engade Agustín Fernández, "o caos dos autobuses que trasladan aos rapaces dunha punta a outra do municipio con criterios difíciles de entender".