Os socialistas esixen melloras no transporte público a Monte Porreiro

Pontevedra
03 de abril 2018

O portavoz socialista Tino Fernández considera que a actual subvención que outorga o Concello "é unha boa idea que quedou estancada" polo que propón "adaptala ás novas necesidades, ampliando o seu espectro e dándolle un contido mais social"

Vista aérea do barrio de Monte Porreiro
Vista aérea do barrio de Monte Porreiro /

O grupo municipal do PSdeG-PSOE presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno do Concello de Pontevedra na que se insta ao Goberno Local a mellorar e ampliar as subvencións ao transporte urbano do barrio de Monte Porreiro.

O portavoz socialista Tino Fernández considera que a actual subvención que outorga o Concello "é unha boa idea que quedou estancada" polo que propón "adaptala ás novas necesidades, ampliando o seu espectro e dándolle un contido mais social".

Tino Fernández aposta por reformular este transporte público para "quitarlle máis partido" e sinala que "si fan falta máis diñeiro, que se poña".

Así, os socialistas propoñen un abaratamento importante no abono común, prestar atención ás familias numerosas e crear un abono especial. Crear tamén outro abono especifico para estudantes e establecer con carácter xeral a gratuidade do billete para os pensionistas de todo tipo que cobren menos do SMI.

Finalmente Tino Fernández afirma que o barrio de Monte Porreiro "necesita unha atención específica que este goberno non lle está dando" e acusan o Goberno local de "xerar crispación e enfrontamento" entre os veciños.