Os socialistas esixen que se restableza o servizo pediátrico suprimido en Carballedo e en Cerdedo

Cerdedo Cotobade
21 de decembro 2018

O grupo municipal socialista de Cerdedo-Cotobade considera que a situación do servizo de pediatría neste concello "segue a ser preocupante"

Unha médico pediatra atendendo a unha nena
Unha médico pediatra atendendo a unha nena / Junta de Andalucía

O grupo municipal socialista de Cerdedo-Cotobade considera que a situación do servizo de pediatría neste concello "segue a ser preocupante".

A voceira socialista, Lina Garrido sinala que "mentras noutros concellos, como por exemplo Cuntis, acadan obxectivos manifestándose e reclamando o que é de xustiza, en Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela non é quen de que se restablezan os servicios pediátricos suprimidos en Carballedo e en Cerdedo".

Os socialistas entenden que "coa sanidade non se xoga" e por eso aseguran que non poden permitir que un municipio agora tan extenso "teña que sufrir tales recortes" e só conten cunha consulta de pediatría en Tenorio e teña que atender tamén á poboación infantil do Concello de Campo Lameiro.

Lina Garrido lembra que o seu partido xa levou esta reclamación a pleno e tamén a presentou ante o Parlamento galego polo que critica que ao Partido Popular de Cerdedo-Cotobade "non lle interesa para nada que os servizos melloren".

"Non imos permitir que a situación esmoreza no tempo" afirma Lina Garrido. A portavoz local dos socialistas advirte que "temos claro que agora é o pediatra e dentro de pouco será un médico o que supriman da capital do concello e tamén en Cerdedo".