Os socialistas inician o proceso para elixir os candidatos ás eleccións municipais

Pontevedra
08 de setembro 2018

O secretario xeral, David Regades, avanzou que este mes de setembro celebraranse xuntanzas de traballo coas executivas locais e con posibles candidatas e candidatos en cada unha das comarcas "para ir fraguando esas candidaturas"

Comisión executiva do PSdeG-PSOE en Pontevedra
Comisión executiva do PSdeG-PSOE en Pontevedra / PSdeG-PSOE de Pontevedra

O PSdeG vén de poñer en marcha o seu reloxo de cara as eleccións municipais de 2019. A comisión executiva provincial oficializou a folla de ruta para esta cita coas urnas, na que se marca como obxectivo ser a forza máis votada na provincia de Pontevedra.

O secretario xeral, David Regades, avanzou que este mes de setembro celebraranse xuntanzas de traballo coas executivas locais e con posibles candidatas e candidatos en cada unha das comarcas "para ir fraguando esas candidaturas".

Os socialistas prevén presentar candidaturas nos 61 concellos da provincia.

Regades amosouse moi optimista coas previsións do PSdeG e indicou que o partido ten "metas moi claras", entre elas manter o goberno da Deputación de Pontevedra, mellorando os resultados electorais e aumentando a maioría para "afianzar o goberno progresista" da institución provincial.

Para iso, explicou que será clave manter as alcaldías socialistas da provincia, recuperar as que foron "arrebatadas de forma fraudulenta" polas mocións de censura impulsadas polo PP e acadar o goberno en moitos concellos que hoxe son gobernados polo Partido Popular.