"Non estamos a esixir cousas imposibles, solo queremos que o Goberno do Estado compense a Galicia pola reduccion brutal nos investimentos durante os últimos catro orzamentos", indicou o portavoz municipal Tino Fernández, tras presentar unha moción na que o Partido Socialista solicita un "esforzo inversor" por parte do executivo presidido polo pontevedrés Mariano Rajoy.
Concretamente dende o PSdeG piden que esa compensación veña da man da asunción polo Ministerio de Fomento do custe das obra de ampliación da AP-9 recollidas no protocolo asinado no seu día pola ministra Ana Pastor. Deste xeito xa non tería sentido a subida adicional na peaxe.
O grupo municipal socialista tamén propón nesa moción a gratuidade no tramo Pontevedra-Vigo, "o segundo máis caro de todo o Estado" e cuxo custe "está máis que amortizado" indicou Tino Fernández.
Así mesmo, os socialistas instan a recuperar a bonificación do 7% suprimida por decreto no 2012. Estiman que, deste xeito, as peaxes da AP-9 poderían baixar nesa porcentaxe e non terían que subir máis que o IPC, "aliviando considerablemente aos usuarios en tanto non se consiga a gratuidade definitiva".
"Non estamos a plantexar nada que non sexa razoable. A recuperación económica da que fala o PP debe ter reflexo na vida das persoas e non nas contas de resultados das grandes empresas", finalizou dicindo Tino Fernández.