Os socialistas instan o Concello a iniciar os trámites para unha consulta popular sobre ENCE

Pontevedra
24 de xuño 2015

O PSdeG quere que se lle faga aos pontevedreses a seguinte pregunta: "¿Considera adecuado que no futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal os terreos que na actualidade ocupa ENCE nas marismas de Lourizán teñan a consideración de solo industrial, facilitando así a permanencia da empresa na ría de Pontevedra?"

Ence
Ence / Mónica Patxot

O grupo municipal socialista en Pontevedra pedirá diante do Pleno da corporación que o Concello inicie "con carácter inmediato" os trámites para  a realización dunha consulta popular sobre a situación e cualificación urbanística dos terreos das marismas de Lourizán, nos que  está instalada a  empresa Grupo Empresarial ENCE.

O PSdeG quere que se lle faga aos pontevedreses a seguinte pregunta: "¿Considera adecuado que no futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal os terreos que na actualidade ocupa ENCE nas marismas de Lourizán teñan a consideración de solo industrial, facilitando así a permanencia da empresa na ría de Pontevedra?".

Esta consulta, que os socialistas levaban no seu programa electoral, cobra especial importancia ante a resolución do Ministerio de Medio Ambiente que non ve necesario incoar o expediente de caducidade da concesión á empresa, como así determinaba o Tribunal Supremo. ENCE, segundo Agustín Fernández, é unha cuestión que "define o futuro da cidade" xa que entende que "non hai modelo urbano posible" se non se resolve a saída da empresa de Lourizán.

Neste sentido, Fernández cualificou de "servil" á empresa a postura do PP e de "excesivamente pasiva" a do BNG. Fronte a eles, o voceiro socialista insistiu en que seu partido cre que ENCE tense que ir da ría de Pontevedra no ano 2018, pero recoñece que para iso "hai que ver que pasa cos traballadores e que facemos cos terreos", algo que, criticou, "non está na axenda do goberno municipal". De aí que insistira en que o alcalde lidere todas estas xestións. "Ten que moverse e falar con quen teña que falar", reiterou.

Dende o punto de vista dos socialistas, a pretensión da empresa e do PP de que o complexo se "eternice" en Lourizán é un "erro" urbanístico e medioambiental que terá  "graves repercusións" para Pontevedra e a súa comarca. Para acadar ese obxectivo consideran que é "necesario" que todas as administracións se senten a traballar de inmediato co horizonte en xullo de 2018.

A este respecto, Agustín Fernández considera que esta consulta, ademais de dar voz aos pontevedreses neste asunto e que teñan unha "participación directa" na solución desta problemática, desde o punto de vista político podería cambiar o futuro da empresa en Lourizán. O portavoz do PSdeG-PSOE insiste en que defender unha postura ou outra "non será o mesmo" se os pontevedreses se pronuncian "claramente" sobre a continuidade de ENCE na súa actual ubicación máis aló de 2018.

Agustín Fernández recoñece que será unha tramitación "complicada", xa que trala hipotética aprobación no Pleno, esta proposta de consulta deberá ser elevada ante o Consello da Xunta e se este dá o visto bo, tamén deberá informar positivamente o Goberno do Estado.