Os socialistas lamentan o "bloqueo sistemático" da Xunta ao municipio de Poio

Poio
01 de febreiro 2021

O responsable local do PSdeG-PSOE de Poio, Julio Casás, cargou este luns duramente contra a Xunta de Galicia e o seu "bloqueo sistemático ao noso municipio"

Julio Casás e Chelo Besada
Julio Casás e Chelo Besada / PSOE de Poio

O responsable local do PSdeG-PSOE de Poio, Julio Casás, cargou este luns duramente contra a Xunta de Galicia e o seu "bloqueo sistemático ao noso municipio".

Casás fixo estas declaracións logo de coñecer que os orzamentos aprobados polo Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo "obvian por completo" proxectos e actuacións largamente demandadas pola veciñanza, como o desenvolvemento do polígono de Fragamoreira, a construción do novo Centro de Saúde ou obras encamiñadas a mellorar a seguridade viaria en diferentes tramos da PO-308.

Aínda que para o PSOE "non é unha sorpresa que a Xunta de Galicia non tivese en conta nin unha soa das enmendas que presentamos ao Orzamento", Julio Casás ten moi claro que "con esta forma de proceder o único que se confirma é a falta de respecto constante e a tomadura de pelo da Xunta cara a nosa veciñanza". 

Ademais dos proxectos anteriormente mencionados, Casás tamén lembrou como a Xunta "anunciou a bombo e platillo en varias ocasións unha mellora da PO-308 entre Combarro e Chancelas, pero a día de hoxe carece de partida orzamentaria". E engadiu que "tampouco se teñen en conta as alegacións presentadas polo Concello á obra feita entre Samieira e Raxó, que recollen varias inquedanzas veciñais".

O responsable local socialista invita á Xunta a que "tome nota" da forma de proceder doutras administracións, como é o caso, segundo dixo, da Deputación de Pontevedra. 

Por último, os socialistas tamén critican ao grupo municipal do Partido Popular. 

Segundo Julio Casás "desde que se soubo que os investimentos autonómicos ían ser de 20.000 euros para Poio (que se destinan a unhas melloras na lonxa de Campelo), o señor Ángel Moldes garda silencio, imaxinamos que porque lle parece ben que o investimento da Xunta para 2021 sexa de menos de 2 euros por habitante en Poio. Quizais debería aproveitar esas reunións que convoca con determinados colectivos para falar do Orzamento municipal, o máis alto da historia do Concello, para aclararlle que xestións realizou o seu grupo ante a Xunta de Galicia á hora de tratar de desbloquear proxectos históricos", finaliza o responsable local do PSdeG-PSOE de Poio.