O grupo provincial socialista fixo este xoves un crítico balance dos dous meses de goberno do PP na Deputación de Pontevedra e, sobre todo, do traballo dun Luis López ao que, segundo Carlos Font, "quédalle moi grande a chaqueta de presidente".
"Isto converteuse nunha sucursal da Xunta na que Rueda ten o mando a distancia", lamentou o voceiro socialista, que asegura que en todo este tempo houbo un "frenazo en seco" nesta administración, que o PSdeG-PSOE ve "sumida na parálise".
Font denunciou que non se licitou unha soa obra e tan só se puxo en marcha unha política de "fume" baseada en apropiarse "con total desvergoña" dos proxectos xestionados polo anterior goberno provincial por un valor total de 8 millóns de euros.
O deputado socialista explicou que a situación na Deputación do PP evidénciase no perfil de contratación, que consideran que está "inmóbil" tras pasar de tramitar entre 50 e 60 expedientes mensuais á "inactividade máis absoluta".
Ademais, engadiu, hai deputados delegados que aínda non pisaron as oficinas dos servizos que xestionan, provocando un "asombro maiúsculo" entre o persoal administrativo.
Os socialistas censuran tamén que a Deputación perdera "substantividade" fronte a Xunta de Galicia, como demostran as recentes visitas ao Pazo de Lourizán e á Escola de Cantería.
Carlos Font engadiu a esto que o goberno municipal "non sabe que facer nin co convento de Santa Clara nin coa Xunqueira de Alba", dous dos principais compromisos herdados do anterior goberno liderado pola socialista Carmela Silva.