Os socialistas pedirán unha nova valoración das ofertas técnicas no concurso da auga

Pontevedra
21 de febreiro 2018

A súa proposta consiste en constituír unha nova mesa de valoración das propostas técnicas e económicas, "apartando á actual asistencia técnica que xa demostrou a súa incapacidade para levar a cabo un traballo ben feito"

Tino Fernández e Paloma Castro
Tino Fernández e Paloma Castro / Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do PSOE, Tino Fernández, indicou que "se algo quedou claro na reunión da mesa de contratación é que a valoración feita pola asistencia técnica é unha chapuza, na interpretación máis benévola". 

A valoración, tal e como indicaron os socialistas, "non só contén erros matemáticos, senón que carece de motivación ou xustificación na maior parte dos apartados e presenta un sesgo arbitrario sospeitoso".

Tino Fernández lamenta que desde o principio, o goberno local "excluíu á oposición da participación neste proceso", o máis importante economicamente da historia de Pontevedra.

Os pregos foron encargados a unha empresa privada e aprobados pola Xunta de Goberno. "Descoñecemos como se seleccionou á empresa privada para levar a cabo un traballo tan transcendente. O máis lóxico nun goberno que tanto fala de transparencia, sería contar coa oposición para evitar suspicacias", afirmou o portavoz do PSOE.

Di Tino Fernández que "analizando o proceso pódese ter a tentación de pensar" que o que se pretende é que a oferta económica (sobre C) sexa "irrelevante ante a enorme diferenza de puntuación existente" despois da apertura das ofertas técnicas (sobre B). "Os socialistas cremos que Pontevedra debe dar unha imaxe de transparencia e obxectividade que afaste as pantasmas da conivencia", que, ao seu xuízo, "xa é algo que está na rúa e que hai que parar".

Os concelleiros do PSOE veñen de presentar unha solicitude no Concello para evitar esa "sensación de tolerancia" cara a unha empresa determinada.

A súa proposta consiste en constituír unha nova mesa de valoración das propostas técnicas e económicas, "apartando á actual asistencia técnica que xa demostrou a súa incapacidade para levar a cabo un traballo ben feito".

Nesa nova mesa de valoración debe estar presente a interventora municipal e un equipo multidisciplinar de funcionarios do Concello "que acredite a capacidade necesaria para facer unha valoración axustada e obxectiva".

Ademais dos técnicos municipais, deben ser convidados a formar parte desa mesa de valoración, técnicos da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia. "Isto non é unha ocorrencia, porque xa se vén facendo noutros moitos concursos doutros concellos", apuntan.

Finalmente o grupo do PSOE matiza que "non nos opoñemos a que participe na mesa de valoración unha empresa ou asistencia técnica, a condición de que a súa contratación se faga mediante acordo coa oposición, garantindo a imparcialidade e a capacidade para desenvolver o traballo".