Os socialistas queren retomar a solución de Teresa Casal para as medianeiras da Peregrina

Pontevedra
30 de marzo 2017

O deseño gañador propoñía cubrir todos os edificios modernos que afean a contorna do templo con listóns de madeira de piñeiro. No deseño presentado polos arquitectos Elio García, Javier Rodríguez e Carlos Rodríguez incluían inicialmente unha torre-miradoiro lateral, tamén de madeira, pero a súa execución quedou posteriormente descartada porque supoñería invadir un terreo de titularidade privada

Deseño gañador do concurso de ideas para adecentar as medianeiras da Peregrina
Deseño gañador do concurso de ideas para adecentar as medianeiras da Peregrina / Elio García, Javier y Carlos Rodríguez Alcoba

O grupo municipal do Partido Socialista instará o goberno local de Pontevedra a que retome a solución escollida por Teresa Casal na súa etapa como concelleira de Urbanismo para as medianeiras da Peregrina. "Nós cremos que o camiño que ela iniciou é o correcto e agora toca continualo", din nun comunicado.

Sendo responsable de urbanismo Teresa Casal puxo en marcha un concurso de ideas para finalizar co feísmo destas medianeiras e "fixéronse as cousas ben, buscando o maior consenso e chegouse a unha solución aceptada por todas as partes", valora o portavoz socialista Tino Fernández.

O deseño gañador propoñía cubrir todos os edificios modernos que afean a contorna do templo con listóns de madeira de piñeiro. Naquel deseño presentado polos arquitectos Elio García, Javier Rodríguez e Carlos Rodríguez incluían inicialmente unha torre-miradoiro lateral, tamén de madeira, pero a súa execución quedou posteriormente descartada porque supoñería invadir un terreo de titularidade privada.

"As condicións agora son mellores que fai cinco anos porque contamos cun goberno na Deputación disposto a colaborar nestes asuntos que serven para mellorar a imaxe turística da capital da provincia", engadiu Tino Fernández que esixiu ao alcalde "que abandone o estado de hibernación política no que se atopa e empezo a pensar e traballar".

Os socialistas levarán a Pleno o problema das medianeiras da traseira da Peregrina e instarán o alcalde a retomar o proxecto iniciado no seu día por Teresa Casal e a asinar un convenio de colaboración coa Deputación para financiar a execución da obra.