O Partido Socialista urxe o desmantelamento e traslado da depuradora dos Praceres polo seu impacto negativo sobre a ría de Pontevedra.
A deputada Patricia Vilán e o concelleiro pontevedrés Agustín Fernández anunciaron este venres unha Proposición non de Lei que o PSOE presentará no próximo pleno do Parlamento galego reclamando da cámara autonómica que a Xunta impulse o saneamento integral da ría antes de finalizar o 2015, para poder optar ao financiamento europeo destinado a obras de saneamento e depuración.
Vilán criticou a "pasividade" da Xunta coa ría pontevedresa "porque non fixo as obras necesarias" para mellorar o estado das augas e isto mereceu unha nova denuncia a España ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea por parte da propia Comisión.
Entre as medidas que debe adoptar a administración autonómica para recuperar a ría de Pontevedra, Agustín Fernández citou a recolocación da EDAR dos Praceres. Neste sentido o concelleiro pontevedrés sinalou a necesidade de que os técnicos busquen unha nova localización para esta depuradora que dá servizo a cinco municipios da ría. Ademais afirmou que a estación está saturada e non presta un servizo eficiente.
O colectivo Salvemos Pontevedra, con Agustín Fernández como avogado, foi o primeiro en levar ante os tribunais á estación depuradora dos Praceres, situada na marisma de Lourizán, por instalarse sen o necesario permiso, sen abrirse o expediente de solicitude de concesión ou autorización para a ocupación do dominio público marítimo terrestre e sen solicitar licenza municipal nin outro título habilitante.
Ademais a Lei de Costas prohibe taxativamente o establecemento deste tipo de instalacións na ribeira do mar, e o emisario submarino que despraza as verteduras ao interior da ría carece da imprescindible concesión.
Xa no ano 2007 o entón candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Telmo Martín, prometía no seu programa electoral a recuperación da fachada marítimo-fluvial de Pontevedra, que el denomina Bulevar Lérez-ría, despois de xestionar o traslado de Ence e o da depuradora dos Praceres.
PAMPAIDO
Ademais da depuradora dos Praceres, Patricia Vilán, tamén reclamou á Xunta que execute a obra da EDAR de Pampaído, en Sanxenxo, para dar servizo a este municipio e ao de Poio.