Os socorristas desembarcan este xoves nas praias de Marín

Marín
16 de xuño 2021

O Concello logrou cubrir nunha soa convocatoria todos os postos de socorrismo e informa de que a partir de xullo volverá estar dispoñible o semáforo en liña para consultar o grao de ocupación e aforo de cada areal

Aspirantes a socorristas en Marín
Aspirantes a socorristas en Marín / Concello de Marín

As praias de Marín terán socorristas a partir deste xoves. O salón de plenos do Concello acolleu na mañá deste mércores a firma da contratación dos 21 socorristas, dous patróns e o coordinador que realizarán o seu labor este verán nas praias da vila para garantir a seguridade dos bañistas.

A diferenza doutros anos, nunha soa convocatoria, á que se presentaron 36 aspirantes, cubríronse todos os postos.

"Foi unha convocatoria moi boa. A coordinadora, ademais, xa ten preto de sete anos de experiencia traballando nas nosas praias, o que garantirá un bo funcionamento deste servizo esencial", explicou a concelleira de Turismo, Cristina Acuña.

O goberno local ten previsto instalar nas praias ao longo desta xornada todos os postos de salvamento para que este xoves comecen a ocuparse polos socorristas.

O horario no que estarán os vixiantes nos areais será de 12.00 a 20.00 horas e velarán non só pola seguridade dos bañistas, senón tamén polo cumprimento das medidas sanitarias que estean vixentes en cada momento.

Por outra banda, a concelleira adiantou que para principios de xullo poñerase en marcha de novo a ferramenta en liña de medición de aforos que se activou o ano pasado para coñecer o nivel de ocupación de cada praia a través dun sistema de semáforos.

Esta información poderá consultarse en tempo real por calquera a través da páxina web do Concello, no móbil, tablet ou computador, e tamén poderá consultarse na pantalla LED informativa da Avenida de Ourense.

Cada praia ten o seu propio semáforo con tres niveles (baixo, medio e alto) e un mapa de calor que permite ver por zonas o índice de ocupación. Estes datos serven para comprobar os aforos máximos de cada praia, que foron calculados o ano pasado tendo en conta un espazo de 4 metros por cada persoa usuaria do areal.