A BRILAT continua coa Operación " Balmis". Este luns despréganse en Ourense, Oviedo, Xixón e tamén en Pontevedra.
Antes de percorrer as baleiras rúas da Boa Vila, os militares desinfectaron os seus vehículos na súa Base de Figueirido cumprindo co protocolo.
A tarefa encomendada para hoxe é vixiar o cumprimento da restrición da mobilidade. Segundo informou esta unidade a súa misión será "facilitar os seus labores de presenza e vixilancia diante de posibles incumprimentos das medidas establecidas polo estado de alarma nas zonas de especial risco para o contaxio".
As patrullas tratarán de "recoñecer as zonas máis conflitivas" e aquilo que denominan "infraestruturas críticas" ademais de "establecer unha ligazón sólida e eficaz" con autoridades civís, policiais e sanitarias en todo o que se lles requira.
Os soldados da Brilat aprecian unha maior concienciación na cidadanía respecto a a actual situación de emerxencia, co cumprimento das medidas de confinamento masivo, colas en farmacias e supermercados ou o metro de distancia entre persoas que ocupan a rúa con causa xustificada.