Os 'stocks' volven do 6 ao 8 de febreiro

Pontevedra
23 de xaneiro 2015

A feira está pensada para que os comerciantes expoñan, para a súa venda, toda a súa oferta de oportunidades nun gran espazo comercial de 4.500 metros cadrados de exposición

Segundo día de Stock Pontevedra 2014
Segundo día de Stock Pontevedra 2014 / Diego Torrado

Os descontos, as ofertas, as gangas e todo tipo de oportunidades volverán ao Recinto Feiral un ano máis da man da feira Stock Pontevedra. Será entre o venres 6 e o domingo 7 de febreiro da man do Centro Comercial Urbano Zona Monumental e da Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa (AEMPE).

A feira está pensada para que os comerciantes expoñan, para a súa venda, toda a súa oferta de oportunidades nun gran espazo comercial de 4.500 metros cadrados de exposición en horario continuado de 11.00 a 21.00 horas.

"Se vostede ten problemas de stocks, se as últimas campañas de vendas non cumpriron os seus obxectivos ou se sinxelamente o seu establecemento non lle permite levar a cabo unha campaña de rebaixas coma as das grandes superficies comerciais, esta é a súa oportunidad", sinalan os organizadores para atraer aos comerciantes.

Dende Zona Monumental e Aempe lembran que os últimos stands aínda están dispoñibles para participar nunha cita feiral que na súa última edición superou os 20.000 visitantes e pechou con éxito de vendas.