Os técnicos de ambulancias esixen facerse probas para descartar positivos por Covid-19

Pontevedra
30 de abril 2020

Os traballadores denuncian que estiveron a traballar con máscaras defectuosas poñendo en risco aos pacientes, ás familias e a eles mesmos

Persoal dunha ambulancia protexido fronte ao coronavirus
Persoal dunha ambulancia protexido fronte ao coronavirus / Diego Torrado

A Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias reitera a súa denuncia pola falta de test para estes traballadores despois de oito semanas de traslados de pacientes con positivo confirmado de Covid-19 ou sospeitosos de selo. 

Nun comunicado, lamentan que desde o Sergas está a tomarse esta situación con "demasiada relaxación" e temen que non haxa intención de realizarlle este tipo de probas porque "se a houbese xa estarían feitas hai tempo", critican, facendo fincapé en que están a poñer en perigo aos pacientes e as súas propias familias.

Mostran tamén o seu malestar porque aos únicos técnicos que lles realizaron as probas foron aqueles que estiveron a traballar con material de protección defectuoso. "Parécenos vergoñoso e case delituoso que os profesionais estean a realizar a súa actividade con material que non se comproba previamente. Xa van dúas veces que, despois de días traballando con ese material, chega unha circular dicindo que é defectuoso", aseguran en referencia a un lote de máscaras.

Por iso esixen aos responsables sanitarios de Galicia a inmediata realización de probas a este colectivo e que se tomen en serio as peticións destes técnicos, que senten como "os grandes esquecidos da Administración".