Os técnicos detectan síntomas de recuperación de certas especies nos bancos marisqueiros

O Salnés
16 de xuño 2015

A conselleira de Mar fixo estas declaracións durante unha visita ao Conselo Regulador do Mexillón na que se comprometeu a poñer en marcha un regulamento que dea estabilidade ao organismo

Reunión do Consello do Mexillón de Galicia
Reunión do Consello do Mexillón de Galicia /

A titular de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, asegurou este martes que os técnicos detectan síntomas de recuperación de certas especies nos bancos marisqueiros.

Diante das escasas esperanzas que hai no sector arousano sobre a próxima campaña de libre marisqueo, Quintana dixo que "a min non me gusta dar nada por perdido".

"Non teño unha bola de cristal pero tal e como están outros bancos as expectativas en principio non son malas", afirmou a conselleira, que anunciou que en breve se reunirá cos patróns maiores da Ría de Arousa.

A conselleira de Mar fixo estas declaracións durante unha visita ao Consello Regulador do Mexillón na que se comprometeu a poñer en marcha un regulamento que dea estabilidade ao organismo.

Rosa Quintana subliñou que unha vez que a Unión Europea aprobe o novo programa operativo do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro buscarase obter axudas "para consolidar a organización dun sector forte".

Outro dos puntos tratados nesta xuntanza son os novos obxectivos que se marca o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, como o incremento da produción, a elaboración dun novo regulamento para darlle maior estabilidade ao propio consello e continuar apostando polo I+D+i.