Se durante os temporais das últimas semanas te converteches nun dos miles de afectados polos problemas na subministración eléctrica, estás a tempo de reclamar. Unión Fenosa Distribución, distribuidora eléctrica de Gas Natural Fenosa en Galicia, abriu canles específicas para atender aos clientes prexudicados.
Dada a intensidade dos temporais e o número de afectados, habilitou o teléfono 900 111 035 e o correo electrónico [email protected] para atender aos afectados e canalizar as reclamacións. Ademais, os usuarios poden acudir a calquera oficina de atención ao cliente da compañía. Nos últimos días, o teléfono de atención ao cliente xa canalizou máis dun milleiro de reclamacións, de mdo que reforzaron o equipo.
A dureza dos temporais e as súas consecuencias levou a que entre os días 1 e 6 de febreiro a compañía contabilizase máis de 900 incidencias en Galicia, que deixaron picos de ata 180.000 clientes afectados de maneira simultánea, a maioría pola caída de árbores e ramas sobre os tendidos eléctricos, que xeraron interrupcións da subministración.
Hai xa case unha semana que quedaron resoltas todas as incidencias en media tensión, desde o pasado luns, pero a empresa segue traballando na reparación definitiva dos danos provocados polos temporais e mantén reténs para solucionar posibles problemas puntuais.