Os terreos do futuro centro de saúde de Soutomaior xa son do Concello

Soutomaior
10 de maio 2024

O alcalde, Manu Lourenzo, asinou na notaría a escritura de adquisición dos terreos o pasado 23 de abril e, con ese trámite, o Concello remata o proceso e queda á espera de que o rexistro da propiedade faga efectiva a inscrición e de que catastro realice o cambio de titularidade. Logo poderán transferir ao Sergas a parcela resultante

Terreos do futuro centro de saúde de Soutomaior
Terreos do futuro centro de saúde de Soutomaior / Concello de Soutomaior

Os terreos nos que se construirá o novo centro de saúde de Soutomaior xa son de titularidade municipal. Así o confirmou este venres o Goberno local, que sinala que, con este trámite, "fixo os deberes no que implicaba a súa responsabilidade" para facer realidade este novo equipamento.

O alcalde, Manu Lourenzo, asinou na notaría a escritura de adquisición dos terreos o pasado 23 de abril e, con ese trámite, o Concello remata o proceso e queda á espera de que o rexistro da propiedade faga efectiva a inscrición e de que catastro realice o cambio de titularidade.

Deste xeito, o Concello poderá dispoñer destes terreos de xeito oficial e transferir ao Sergas a parcela resultante

Unha vez que a Administración local fixo os trámites que lle correspondían, o alcalde pide a todas as administracións implicadas "premura para poder mellorar canto antes  a situación da sanidade no noso municipio".

O alcalde lembrou que o concello sofre unha "alarmante falta de médicos", con só tres para atender a 7.500 veciñas e veciños. Esta ratio é superior á que aconsella a Organización Mundial da Saúde e o Concello insiste en que "o centro de saúde é importante pero moito máis importante é que a Xunta cumpra a súa palabra e nos dea canto antes o médico que nos falta". 

Manu Lourenzo sinala que "queda traballo por diante", pero agora Soutomaior está "un paso máis preto" de que se mellore a atención sanitaria.