Os terreos para o paseo a Marín xa están nas mans de Costas

Pontevedra
04 de outubro 2017

Costas xa pode iniciar a licitación do proxecto de construción do paseo peonil e ciclista que unirá a avenida de Marín coa pasarela de mariscadores nos Praceres pola beira do Lérez e a desembocadura da ría

Zona de paseo cara a Marín nas Corbaceiras
Zona de paseo cara a Marín nas Corbaceiras / PontevedraViva

Costas xa pode iniciar a licitación do proxecto de construción do paseo peonil e ciclista que unirá a avenida de Marín coa pasarela de mariscadores nos Praceres pola beira do Lérez e a desembocadura da ría.

O Concello celebrou este mércores unha Xunta de Goberno extraordinaria para poñer a disposición do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través do Servizo Provincial de Costas, o tramo da PO-12 que o Concello acaba de recibir de Fomento.

Este trámite, segundo destacou César Mosquera, permitirá "salvar os obstáculos" que había para poder reducir un carril de circulación na estrada e habilitar o paseo peonil.

"Agardemos que Costas se dea a máxima axilidade", sinalou o edil de Infraestruturas, que considera que o "lóxico" sería que o Goberno central licitara toda a obra no seu conxunto e non só o primeiro treito pola PO-12, ata a ligazón coa PO-11, senón ata Praceres.

Mosquera amosouse confiado en que se resolvan as alegacións "canto antes" e que saia pronto a licitación "porque o proxecto xa está redactado".