Os traballadores da Deputación deseñan unha nova web de Turismo Rías Baixas ante a inutilidade da actual

Pontevedra
23 de xullo 2016

Comezará a funcionar a próxima semana. A web foi elaborada por persoal e recursos propios da Deputación de Pontevedra sen supoñer custos extra para as arcas provinciais

Unha muller usando unha tablet
Unha muller usando unha tablet / Nigel Burley

A próxima semana entrará en funcionamento a nova web de Turismo Rías Baixas elaborada por persoal propio da institución, o que significa que non supuxo custo engadido extra para as arcas provinciais.

Segundo explicaron os deseñadores da nova web, esta renovada plataforma pon en valor toda a potencialidade das Rías Baixas contribuíndo a que os turistas, dende as súas casas, poidan planificar a viaxe ó noso destino dun xeito moito máis atractiva, de fácil manexo, útil e eliminando os problemas técnicos que existían.

Tal e como destacara a propia presidenta da Deputación, Carmela Silva, a antiga plataforma web é inútil para a promoción turística, con información de difícil acceso e disuasoria xa que os usuarios entraban unha vez e non regresaban máis.

En concreto, a plataforma de forma automatizada ofrecerá ao visitante experiencias únicas acordes á estación do ano e permitirá introducir a forma na que o turista desexa viaxar, ben sexa sen compañía ou en parella, en grupo ou con nenos, en primavera ou verán, etc.

Ademais, nesta renovada web os concellos terán maior protagonismo e espazo propio para a promoción dos seus recursos turísticos. Tamén ocuparán un lugar en portada os atractivos culturais, gastronómicos e deportivos da provincia, así como as novas e a axenda de eventos.

Entre as moitas modificacións técnicas introducidas, destacan a simplificación da navegación e usabilidade para facela máis cómoda para o turista; a eliminación das votacións ou opinións, xa dispoñibles noutros portais; a posta en marcha de contidos accesibles e en menos clicks e o redeseño da web, acorde ás últimas tendencias e estándares creativos, potenciando a experiencia do usuario e unha interfaz limpa e clara.

A plataforma, operativa a partir da próxima semana, estará dispoñible en español, galego e inglés e adaptada a múltiples dispositivos (ordenador, tablets e móviles).