Os traballadores de Diario de Arousa afrontan dous días de folga contra despedimentos e impagos

O Salnés
28 de agosto 2015

A folga, que comezará ás 00.00 horas do mércores 2 de setembro, é común a todas as cabeceiras de Editorial La Capital. A empresa leva retrasando o abono dos salarios, de maneira reiterada, ao longo de todo o ano 2014 e 2015. A día de hoxe adebédanse ao persoal as mensualidades de xuño e xullo de 2015 e o 50% da paga de decembro de 2014

Concentración de traballadores do Diario de Arousa o 23 de xaneiro
Concentración de traballadores do Diario de Arousa o 23 de xaneiro / Jose Luiz Oubiña

Os traballadores de 'Diario de Arousa' irán de novo á folga para denunciar a súa situación laboral. Logo dunha xornada de paro no mes de xaneiro, os días 2 e 3 de setembro volverán repetir a medida para protestar polos recentes despedimentos de tres persoas no grupo que edita o xornal e ante os reiterados impagos de salarios.

A folga, que comezará ás 00.00 horas do mércores 2 de setembro, é común a todas as cabeceiras de Editorial La Capital -Diario de Ferrol, El Ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños- e reclama un Plan de Viabilidade que garanta os postos de traballo ao nivel de datas anteriores; o abono dos salarios adebedados e a súa regularización mensual.

Segundo informa o sindicato CIG, a empresa leva retrasando o abono dos salarios, de maneira reiterada, ao longo de todo o ano 2014 e 2015 e a día de hoxe adebédanse ao persoal as mensualidades de xuño e xullo de 2015 e o 50% da paga de decembro de 2014. A central sindical denuncia tamén que o grupo está a acometer reducións no cadro de persoal que entende que poñen en perigo a continuidade da actividade.

Os traballadores anunciaron a través do seu perfil en facebook 'Diario de Arousa en Loita' que, no marco desa folga, o mércores día 2 participarán na concentración convocada en Ferrol contra os dous despedimentos realizados nos últimos días na cabeceira e o xoves día 3 fan un chamamento a que os cidadáns os acompañen unha concentración prevista para as 20.30 horas na praza de Galicia de Vilagarcía. Terá o lema 'Non máis despedimentos, non máis impagos'.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) solidarízase cos traballadores de La Capital e insta a empresa a "reconsiderar os despedimentos, a facer os esforzos necesarios para pagar as cantidades que adebedan os seus traballadores e a adoptar medidas que permitan a viabilidade das cabeceiras sen máis despedimentos e con condicións dignas para o conxunto dos seus traballadores".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora